MANIFESTO DRAMATURGA

Mudarmos a historia! Asaltarmos o escenario!

 epidauro

 

Vítima dun argumento tan pobre que mesmo ousa desafiar de maneira groseira as leis da física, a dramaturxia galega nin se crea nin se transforma: destrúese.

Desde hai xa demasiado tempo, asistimos con indolencia á representación dunha posta en escena de moi baixa calidade: o riscado masivo da escrita dramática, o borrado sistemático das voces de noso abocadas, polas borrallas dun sistema deficiente e malintencionado, á condena do silencio.

Este argumento ten as súas personaxes, as súas accións e inaccións concretas e, como non, os seus conflitos. Por un lado, temos a maioría das compañías de teatro galegas a lles prestar máis atención ás novas voces procedentes do resto do Estado español que á autoría galega. Ao seu carón, as compañías de recente creación optan por linguaxes posdramáticas e creacións colectivas e visuais sen acolleren no proxecto a función da dramaturga, coma se non existise ese perfil profesional, ou como se as novas voces que se dedican á dramaturxia lles fosen impor unha linguaxe caduca e non contemporánea. Cando se decantaren por unha dramaturxia textual, a escolla dun texto por parte destas compañías privilexia, as máis das veces, as literaturas foráneas.

Hai tamén unha trama secundaria que axuda a completar, neste caso, a cacofonía do conxunto. É, como veremos, a trama que se encarga de airear os asuntos dunha maneira máis humorística. Como xénero literario, a literatura dramática galega soporta a súa condición de terra de ninguén. Minimizada polos estudos académicos ante o dinamismo crítico que presentan a poesía ou a narrativa, considerada polo eido editorial máis como unha obriga institucional que como unha aposta comprometida. O teatro galego non se le porque non se publica e non se publica porque non se le. O resultado desta destrución é unha falacia absurda: o teatro galego non existe.

Temos, asemade, o antagonismo daquelas personaxes que se supuñan amigas protectoras. As institucións públicas quitan os ollos, traizoan o destino e devoran a súa prole.  Fano coas mentiras da mala política e ignorando o clamor do coro. E a traxedia devén en farsa.

Mais podemos aproveitar o entreacto para ir ao ambigú a tomarlle unha, á porta a botar un pito ou simplemente ao baño, e se remexermos entre os risos hipócritas, as cinzas  mortas e as mentiras fedorentas, atoparemos unha certeza motivadora: estamos no momento máis luminoso da dramaturxia galega de toda a súa historia. E dicímolo desde a convicción que nos dá a realidade, asentada nun número de autoras activas nunca superado e na variedade e orixinalidade de formas e temáticas. Nin nos tempos das Irmandades da Fala, nin nos da xeración Abrente foron tantas as voces a se expresaren desde e para o teatro, nin foron tantas as persoas con mancheas de folios nas gabetas e  centos de arquivos nos discos ríxidos, nin con certeza foron tantas as dificultades ás que estas voces teñen que lles facer fronte para se encontraren cun público que xa leva demasiado tempo a agardar por elas. Decatarémonos entón, xusto antes de voltar á nosa cómoda butaca, de que a literatura dramática galega, estranxeira na súa patria, hoxe máis que nunca, precisa un pulo sincero e esperanzado. A dramaturxia galega contemporánea precisa, hoxe máis que nunca como en tantas outras cousas, unha reestruturación radical do sistema que lle permita regresar do exilio en que leva anos esquecida.

Por mor e contra todo isto é polo que DRAMATURGA se levanta do asento. E non o fai para aplaudir, senón para interromper a función cun berro.

A través do traballo colectivo e do empuxe cara a unha mesma dirección, DRAMATURGA nace co convencemento de que é posíbel corrixirmos a deriva autodestrutiva que nos encamiñaba, até agora, cara á asunción resignada dunha época escura. Estamos aquí. Somo nós. Existimos. E usamos as nosas voces para berrar. E usaremos os nosos berros para que a sociedade e a cultura galegas, nas que acreditamos e das que desexamos ser parte integrante e construtiva, poidan enriquecerse do traballo que as dramaturgas e os dramaturgos contemporáneos levamos a cabo.

Coa convicción de Vilar Ponte, a fiestra aberta de Dieste e os soños de Otero Pedrayo; co lirismo de Cunqueiro, os mitos de Lourenzo e as verdades de Vidal Bolaño, os homes e mulleres de DRAMATURGA declarámonos lexitimadas para demostrar que o teatro galego pode ser galego de vez para alén do devanceirismo e máis acó da desconfianza, e reclamamos que o noso amor polo teatro non pode ser inútil e que debe ter un espazo no aquí e agora dos escenarios do presente e do futuro.

Porque afirmamos que é na unión das nosas voces e dos nosos esforzos como debemos  contribuír a valorar un traballo que, en demasiadas ocasións, caeu en saco roto e que non está equiparado nin valorado en igualdade a respecto da maioría dos gremios do mundo artístico galego. Dotamos de entidade colectiva un grupo de individualidades acostumadas a vogar en solitario e contra corrente para acharmos as solucións máis axeitadas para os nosos problemas e as saídas máis xustas para os nosos atrancos.

Para mudarmos a historia e subirmos ao escenario. Para que dunha vez por todas o público teña o teatro que merece. Para non deixar morrer a memoria de Abrente. Para liberarmos o espazo dos nosos caixóns e computadores. Para demostrarmos a forza das mulleres que escriben. Para que o autor máis representado deste século non acabe sendo un irlandés. Para dignificarmos a nosa profesión. Para axitarmos as cabezas e os corpos das nosas fillas dándolle ao ensino a dose de teatro que precisa. Para que a xente poida expresarse a través das nosas palabras e das nosas accións. Para que a dramaturxia ocupe o seu lugar natural na escena e sexa considerada como labor transformadora. Para que traballar nun teatro, formar parte dun equipo de creación ou interpretar as diferentes textualidades, tamén sexa cousa nosa. Para axudar a impulsar a danza e as artes vivas coas nosas dramaturxias. Para facer da dramaturxia vangarda artística. Para saírmos desta soidade que nos oprime e non nos deixa respirar. Para que a nosa cultura deixe de ser pesada por toneladas de formigón. Para enchermos os auditorios de soños. Para que as institucións públicas de decaten de que construír non é so tarefa das construtoras. Para deixarmos de ter medo e vergoña. Para impugnarmos a demolición. Por todo isto e por tantas outras cousas é polo que as dramaturgas e dramaturgos creamos a primeira asociación de escrita teatral do noso país.

DRAMATURGA é, desde hoxe, un corpo imprescindíbel da sociedade galega no seu conxunto e da cultura e o teatro en particular. Un corpo vivo, cheo de vitalidade e xuventude, mais tamén de experiencia e sentido crítico, que ofrece unha man a quen a queira tomar e unha voz a quen a queira oír. Sempre desde a positividade e o desexo de  achegarmos, de partillarmos a nosa obra e os nosos esforzos por un ben común: construírmos unha nova realidade a partir das ruínas, retorcer o argumento para reescribirmos a historia do noso presente, ofrecerlle ao mundo unha enerxía transformadora coa que crearmos o futuro.