rauldansO dramaturgo Raúl Dans é o gañador do Premio XXIV SGAE Teatro Jardiel Poncela 2015, polo seu traballo “Las canciones que les cantaban a los niños”.

O autor consegue así o galardón por valor de 8.000 euros, a inclusión da peza no Ciclo SGAE de lecturas dramatizadas e a publicación do texto dramático na Colección Teatroautor, segundo se recolle na web da Fundación SGAE.

O escritor galego declara sentirse “moi honrado e feliz”. “Polas características do galardón, coa dotación económica, a publicación do texto e a lectura dramatizada, o Jardiel Poncela é un autentico agasallo e un grito de ánimo”. Dans engade que “cando escribes unha peza desexas que goce dunha vida longa e plena, que atinxa o seu lugar natural, a escena, e este recoñecemento supón un inicio francamente esperanzador”.

Orixinalmente escrita en galego, “Las canciones que les cantaban a los niños” é unha peza de carácter humano, na que Raúl Dans explora asuntos coma o perdón, a culpa e a redención. A acción desenvólvese nas cidades de Vigo e Santiago de Compostela, durante a primavera do Movemento 15-M, meses antes do anuncio de ETA, en outubro do 2011, do cese defintivo da loita armada, e remóntase até a década dos 80 do pasado século, aos anos do terrorismo máis duro e dos GAL.

Na peza hai dúas tramas principais que se entrelazan à medida que avanza a acción. Por unha banda está a historia dunha presa etarra que acaba de saír de prisión logo de cumprir a súa condena e, paralelamente, a do mozo que desexa sabelo todo sobre súa nai -ausente da súa vida desde neno- para acabar descubrindo o terríbel segredo que se oculta tras a súa desaparición.

“A idea do texto xorde dos encontros que promove a Vía Nanclares entre presos de ETA e familiares das vítimas do terrorismo. Preguntábame como se desenvolverían ditos encontros, que é o que se di en momentos destes, con que palabras, e decidín poñerme a escribir sobre iso”, explica o autor.

O xurado do premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela 2015, ao que concorreran un total de 187 pezas, foi presidido por Alfonso Plou e composto por Eduardo Alonso, Guillem Clua, Verónica Fernández, Eva Hibernia, Natalia Menéndez, Marta Torres e Paco Zarzoso.