robertosalgueiroA obra “Como mil cachiños de vidro que a dor escurece”, de Roberto Salgueiro, é a gañadora do XVII Premio de Teatro Rafael Dieste que convoca a Deputación da Coruña.

O xurado composto polo autor, director e actor Cándido Pazó, as actrices Belén Constenla e Mónica García, o Profesor de Arte Dramático Óscar Codesido e o xornalista Alfonso Hermida co actor e dramaturgo Xoán Mexuto como comisario e presidido polo deputado responsábel da área de Cultura, Xosé Regueira como presidente, sen voto, decidiu premiar a obra “Como mil cachiños de vidro que a dor escurece” na XVII edición do Rafael Dieste de obras teatrais.

Fonte Deputación da Coruña

O xurado, reunido na sede da Deputación este mércores, 11 de novembro, destaca da obra de Roberto Salgueiro a “potencia da súa escrita, expresada no ambiente, ton e confección de personaxes, polo que constitúe unha aportación singular ao repertorio da literatura dramática galega”. Valora tamén o xurado no seu fallo que a obra é “absolutamente factíbel para a súa representación”.

Roberto Salgueiro é escritor e director teatral. Está á fronte da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Da súa ampla obra destacan títulos como O arce no xardín, Historia de Neera, Eliana en ardentia ou Bernardo destemplado, Matanza, Apnea, Molière final, Historia da chuvia que cae todos os días, Memoria de Helena e María, Valentino Rufini ou Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can).

Con anterioridade, gañaron o Premio Rafael Dieste autores e autoras como Xesús Pisón, Roberto Vidal Bolaño, Raúl Dans, Xavier Lema, Manuel Lourenzo, Miguel Sande, Gustavo Pernas, Inma Pernas, Teresa Moure, Santiago Cortegoso, Alberto Guede e Xosé Pacho e Ze Paredes.