observatorioUnha nova ferramenta para intentar salvar a fenda laboral que sofren as mulleres no sector das artes escénicas e audiovisuais.

Despois de que algunhas asociacións profesionais traballasen durante un tempo de forma conxunta e continuada en accións e proxectos que fomentasen a igualdade nas artes escénicas e no audiovisual, reparouse na necesidade de unir a voz de todas as demais organizacións profesionais de Galicia vencelladas a estes ámbitos co obxectivo de elevar a sú capacidade de influencia sobre a sangrante fenda laboral que sofren as profesionais nestes sectores.

Deste xeito, e conscientes de que a cultura é un sector estratéxico para o desenvolvemento das políticas de igualdade grazas á súa capacidade de transformación do imaxinario colectivo da cidadanía, representantes das asociacións profesionais das artes escénicas e do audiovisual de Galicia (Asociación Galega de Produtoras Independentes, Academia Galega do Audiovisual, Escena Galega-Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales, Asociación Galega de Dramaturxia, Observatorio Galego do Audiovisual, Asociación Galega de Guionistas e Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia) decidiron hai un tempo porse a traballar en conxunto coa finalidade de artellar unha ferramenta operativa de traballo, centrada nas accións e políticas de fomento da igualdade entre mulleres e homes nestes sectores.

Esa ferramenta constituise hoxe e é o Observatorio de Igualdade das Artes Escénicas e do Audiovisual de Galicia. No seu nacemento, foi presentado o video de lanzamento, onde se destaca a situación das mulleres nos sectores escénico e audiovisual.

Un día histórico

O feito de que dez asociacións e academias que aglutinan á práctica totalidade de ámbitos profesionais do sector do audiovisual e das artes escénicas se teñan unido para crear e formar parte do Observatorio de Igualdade foi cualificado como «un feito histórico que non ten parangón a nivel estatal».

Os representantes destas asociación considérano un «proxecto pioneiro» que xa está despertando curiosidade e interés en outras comunidades.

Obxectivos

O Observatorio nace con tres ben definidos obxectivos fundacionais:

1) Implicar activamente as entidades profesionais das artes escénicas e do audiovisual na implementación de estratexias de igualdade e de cumprimento da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e do Decreto Lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

2) Analizar e avaliar a situación sociolaboral das mulleres nos sectores das artes escénicas e do audiovisual e do marco normativo vixente.

3) Fomentar a igualdade mediante a formulación de propostas concretas dirixidas a entidades públicas e privadas.

Mudar a imaxe das mulleres no cine, teatro, TV e medios de comunicación

Os homes e mulleres que forman parte das diversas asociacións das artes escénicas e o audiovisual fundadoras do Observatorio consideran que estos ámbitos profesionais constitúen un espazo vital para construir unha sociedade igualitaria.
Por esta razón, sosteñen que a cultura pode ser a perfecta aliada para mudar a imaxe que se ofrece das mulleres no cine, televisión, teatro e medios de comunicación – tanto no que ten que ver con contidos, ficción, publicidade, etc.- nos que, aínda hoxe, se perpetúan modelos femininos sexistas e estereotipados que non reflicten a realidade das mulleres do século XXI.

Desigualdade de oportunidades

Ao mesmo tempo, estímase moi importante visibilizar e mellorar a situación das traballadoras das artes escénicas e do audiovisual, onde a desigualdade de oportunidades á hora de acceder a postos de responsabilidade non favorece a construción dunha cultura igualitaria que reflicta os diferentes puntos de vista.

Fronte á sensación xeralizada de que o audiovisual e as artes escénicas deben ir un paso por diante da sociedade, lamentablemente no que atinxe á vida laboral das mulleres non é así.

Exemplos que fixeron saltar a voz de alarma

Algúns dos datos recopilados polo Observatorio e que fixeron saltar a voz de alarma foron que por exemplo que en toda a historia dos premios da Academia do Audiovisual só unha muller levou o premio á mellor dirección, (e non é porque non existan), só dúas das últimas 14 longametraxes estreadas en Galicia foron dirixidas por mulleres, ninguna muller iluminou nunca ningún espectáculo do Centro Dramático Galego, só o 8% de todos os espectáculos producidos polo CDG foi dirixido por mulleres, e só o 4% correspondían a textos escritos por mulleres, das 22 edicións dos premios Álvaro Cunqueiro só unha muller recolleu ese galardón.

Como subliñou hoxe unha das portavoces do Observatorio, a actriz Tamara Canosa, «en xeral a vida laboral das mulleres adicadas a estes sectores é máis curta, ten unha maior precariedade laboral e teñen moita menos visibilidade e recoñecemento que as dos seus compañeiros masculinos».

Fronte a esta situación considerouse que o máis oportuno era contar cunha única voz autorizada que aglutinase as inquedanzas do conxunto da profesión, que plantease solución ante os problemas detectados e que velase pola igualdade. Esa voz autorizada será a partir de agora o Observatorio de Igualdade das Artes Escénicas e do Audiovisual de Galicia.

Fonte: AAAG