foto-premios-agadicManuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño, premios de literatura dramática da Agadic. Os nomes dos catro gañadores, decididos por maioría de votos, foron comunicados polo xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en representación dun xurado que estivo presidido por Anxo Abuín e do que tamén formaron parte como vogais Santiago Cortegoso, Inma López Silva, Tito Asorey e María Torres. Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, interviñeron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os propios galardoados, cuxas obras foron seleccionadas entre un total de 72 textos recibidos: 38 para o Álvaro Cunqueiro, 11 para o Manuel María, 8 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 15 para a de teatro para rapaces deste último premio. No caso de Roi Vidal Ponte, que non puido acudir por motivos familiares, recolleu o galardón, no seu nome, Miguel Mosqueira Fociños.

Os catro recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

Variedade temática

‘Suite Artabria’ é un conxunto de tres pezas (‘Orzán’, ‘O fulgor das atochas’ e ‘Alerta na rúa do Pozo’) concibidas como un roteiro por algúns dos espazos máis representativos da Coruña. Trátase dun paseo pola intimidade escura e visceral dunha cidade amada polo autor, por tres barrios que desenvolven cadansúa historia criminal en ambientes marxinais e con personaxes absolutamente recoñecibles na realidade actual: perdedores, buscavidas, amargados, especuladores e corruptos enfróntanse a situacións límite.

Co conflito civil de Siria como pano de fondo, ‘O valo’ narra o encontro entre unha nena que foxe da guerra, Sahara, e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. O xurado destacou desta peza un minucioso coidado da lingua, o que lle outorga un carácter sobresaínte como peza teatral.

En ‘Marcha fúnebre para un monicreque’, Vidal Ponte parte dunha anécdota histórica operística para indagar con ironía na relación entre o escénico e o extraescénico, coa finalidade de homenaxear os oficios técnicos do teatro, ao tempo que observa o rol do espectador de xeito provocador e irreverente. A peza contempla un dispositivo escénico móbil que marca o ritmo e a estrutura da obra, elaborando así un xogo que converte o teatro en obxecto e fai que a manipulación de monicreques sexa parte do seu carácter.

Pola súa banda, ‘Os golfiños e o xigante’ trata, por medio da viaxe da súa protagonista, un tema de actualidade e de interese para os máis novos: a reivindicación da vida dos animais en liberdade. A obra discorre a través de diálogos áxiles e dunha complexa proposta escénica que mestura a técnica de sombras chinesas co audiovisual.

Fonte: Agadic