presentacionsalonteatroO pasado día 19, conforme o esperado, foi presentada publicamente a Asociación Galega de Dramaturxia, Dramaturga, no Salón Teatro en Santiago. O acto foi aberto por Clara Gayo, quen definiu o eixo programático da asociación, que “pretende ser unha peza máis no constante proceso de consolidación e construción do sector das artes escénicas. Buscamos crear un espazo para visibilizar a actividade da dramaturxia e descubrirnos diante do conxunto da sociedade e da profesión”. Acompañada por Zé Paredes, Roi Vidal, AveLina Pérez, Santiago Cortegoso, Ana Carreira, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Carlos Labraña, Vanesa Sotelo e Carlos Santiago, a autora viguesa lembrou que a dramaturxia “é parte imprescindible do feito teatral” e que Dramaturga nace co obxectivo de reivindicar a escrita teatral non só no eido profesional, senón tamén no social. “A dramaturxia é parte activa no fornecemento de cultura e do idioma en Galicia”, afirmou Clara Gayo antes de cederlle a palabra a Roi Vidal, Zé Paredes, Paula Carballeira e AveLina Pérez, quen leron o Manifesto fundacional de Dramaturga a catro voces.

O manifesto, que leva por título Mudarmos a historia! Asaltarmos o escenario!, fundamenta a creación da asociación nunha análise crítica do momento que vive a escrita dramática en Galiza.  “Vítima dun argumento tan pobre que mesmo ousa desafiar de maneira groseira as leis da física, a dramaturxia galega nin se crea nin se transforma: destrúese”, afírmase de inicio. “Desde hai xa demasiado tempo, asistimos con indolencia á representación dunha posta en escena de moi baixa calidade: o riscado masivo da escrita dramática, o borrado sistemático das voces de noso abocadas, polas borrallas dun sistema deficiente e malintencionado, á condena do silencio”.

No documento, Dramaturga denuncia que a literatura dramática galega vese relegada á “condición de terra de ninguén”. “Minimizada polos estudos académicos ante o dinamismo crítico que presentan a poesía ou a narrativa, está considerada polo eido editorial máis como unha obriga institucional que como unha aposta comprometida”, apunta o manifesto, que tamén non aforra críticas ao papel xogado polas institucións. “Temos, asemade, o antagonismo daquelas personaxes que se supuñan amigas protectoras. As institucións públicas quitan os ollos, traizoan o destino e devoran a súa prole. Fano coas mentiras da mala política e ignorando o clamor do coro. E a traxedia devén en farsa”.

presentacionsalonteatrozeEsta situación, á beira da marxinalidade, contratasta, paradoxalmente, co “momento máis luminoso da dramaturxia galega”. Momento constituído por un “número de autoras activas nunca superado e na variedade e orixinalidade de formas e temáticas. Nin nos tempos das Irmandades da Fala, nin nos da xeración Abrente foron tantas as voces que se expresaren desde e para o teatro”, engade o manifesto.

Dramaturga reclama así que “a dramaturxia galega contemporánea precisa unha reestruturación radical do sistema que lle permita regresar do exilio en que leva anos esquecida” e define o seu papel nesa reestruturación. “Dramaturga é, desde hoxe, un corpo imprescindíbel da sociedade galega no seu conxunto e da cultura e o teatro en particular. Un corpo vivo, cheo de vitalidade e xuventude, mais tamén de experiencia e sentido crítico, que ofrece unha man a quen a queira tomar e unha voz a quen a queira oír.”

Tras a lectura do manifesto, Carlos Santiago procedeu a presentar a web da asociación, a súa ferramenta básica na loita pola visibilidade. O portal servirá de “fiestra chea” para dar a coñecer a actividade das autoras e autores dramáticos no seo da sociedade. A cerna da web, o catálogo de autoras e autores, quérese constituír como un motor de búqueda de textos e ideas, e tamén a base da futura editora da asociación, proxecto en marcha que ofrecerá un abundante número de pezas dramáticas a través da edición online e a publicación en papel. A web complétase con diversas ferramentas internas como o foro de debate e votación e o acceso á documentación producida pola asociación.

Como broche, o nacemento de Dramaturga contou co amadriñamento da actriz Mónica Camaño, quen celebrou a creación de Dramaturga, “a asociación que faltaba na eterna consolidación das artes escénicas”, e da anfitrioa Fefa Noia, directora do Centro Dramático, quen explicou que “probablemente as dramaturgas non precisen do CDG, mais o CDG si que precisa necesariamente da dramaturxia galega”. “A creación da Asociación era necesaria e urxente. Existía o talento, mais faltáballe unha organización”, afirmou Noia.

Tras as súas intervencións foi proxectado o video realizado para a ocasión pola dramaturga Esther F. Carrodeguas, unha divertida entrevista a pé de rúa sobre o concepto de “dramaturga” entre o público galego, onde non faltaron espontáneas divagacións entomolóxicas sobre tan curiosa especie.

Entre as persoas que acompañaron a presentación de Dramaturga, destacou a presencia de Vicente Mohedano, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e da súa vicepresidenta, Mabel Rivera, quen dedicou cálidas e incisivas palabras ao proxecto nacente, e tamén de Expósito Alcocer, en nome da Asociación de Novo Circo e Cabaret. Outras entidades, como o Centro de Artes de Vanguardia Laneomudéjar de Madrid, ou a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural AGPXG, enviaron cartas de apoiso e saúdo ao nacemento de Dramaturga.

A noticia foi recollida por distintos medios, como La Vanguardia, Cultura Galega, Galicia Hoxe, El Correo Gallego ou a propia páxina da AAAG.