fiestravaldeiraCoincidindo coa presentación pública de Dramaturga, publicamos o Informe sobre a situación da dramaturxia galega elaborado polos compañeiros Zé Paredes e Carlos Labraña a pedido da asociación. Trátase dun documento inicial que pretende botar unha primeira ollada sobre o estado da literatura dramática na Galiza, servindo de base para unha reflexión conxunta sobre as necesidades e desafíos que as autoras e os autores dramáticos deben enfrontar no seu labor creativo.

A invisibilidade, a carencia de publicacións especializadas, a baixa intensidade da actividade editorial ou as dificultades para levar ao dominio público a produción dramática propia, son algunhas das liñas que o documento explora. Tamén se avanzan algunhas propostas dirixidas ás institucións que rexen no noso sector escénico, sinaladamente o Centro Dramático Galego, para abrir novos espazos de intervención que permitan impulsar o excelente caudal creativo da dramaturxia galega.

Na foto, escena de A fiestra Valdeira de Rafael Dieste, producida polo CDG en 1994.