cangasnovaA presentación da Asociación de Dramaturxia Galega “DRAMATURGA” terá lugar o martes 19 de abril ás 12.00 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela. O programa do acto inclúe, entre outras actividades, a presentación da web do colectivo e do seu catálogo virtual xunto coa lectura do manifesto “Mudarmos a historia! Asaltarmos o escenario!”. O evento contará coa intervención da actriz Mónica Caamaño e da directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia.

Constituída no mes de outubro, DRAMATURGA é unha asociación profesional que nace co obxecto de “fomentar a dramaturxia galega dentro e fóra de Galicia así como de mellorar as condicións laborais das profesionais”. Entre os obxectivos do colectivo atópanse o de visibilizar a dramaturxia galega e servir de foro de contacto entre os profesionais do sector e o resto das artes escénicas; promover actividades de formación, espazos de encontro e debate ou poñer en valor a contribución da dramaturxia galega á construción do teatro galego.

DRAMATURGA xorde despois dos encontros celebrados durante a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (na foto), a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o Festival Internacional de Teatro de Ourense nos que contou co apoio de medio cento de autoras e autores. Unha vez formalizada, DRAMATURGA é unha plataforma á que poden asociarse todas as persoas que posúan obra estreada, premiada ou publicada ou as tituladas en Dramaturxia.

Deixámosvos aquí o video de presentación elaborado por Esther F. Carrodeguas para a ocasión.